Thursday 09 de May de 2024

Ata o 28 de outubro para solicitar as axudas á escolorización de Riveira


O Concello de Riveira informa de que xa están convocadas as axudas á escolarización do alumnado de Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos do Concello de Riveira durante o curso escolar 2016 o 2017.

Os interesados teñen de prazo ata o vindeiro venres 28 de outubro para poder solicitalas conforme as seguintes bases:

1. OBXECTO DA CONVOCATORIA.
Esta convocatoria ten por obxecto establecer os criterios e o procedemento para a concesión de axudas á escolarización do alumnado de Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos do Concello de Riveira durante o curso escolar 2016/2017, de acordo cos principios de obxectividade, concorrencia competitiva e publicidade.
Obxectivos a acadar ca convocatoria.
1.1.- Obxectivos estratéxicos, ou de primeiro nivel.
A concellaría de Servizos Sociais, Promoción Social e Igualdade, a través da presente convocatoria, proponse a consecución dos seguintes obxectivos estratéxicos:
a) A inclusión social dos nenos e nenas empadroados e residentes no Concello de Riveira- susceptibles de atoparse en situacións de exclusión social ou con menos recursos económicos.
1.2.- Obxectivos instrumentais, ou de segundo nivel.
Para a consecución dos obxectivos estratéxicos, establécense as seguintes liñas de actuación, ou obxectivos secundarios:
a) Desenvolver -dende os Servizos Sociais Municipais- accións específicas orientadas ao ámbito familiar dos nenos e nenas que presenten dificultades de inclusión social.
b) Conciliar a vida laboral e familiar dos pais ou titores dos nenos e nenas beneficiarios.
c) Que o alumnado obxecto da convocatoria conte ao comezo do curso escolar co material didáctico que precise, así como praza en comedor escolar ou axuda de transporte para acudir ós centros educativos.
2. GASTOS SUBVENCIONABLES.
As achegas reguladas nestas bases teñen como finalidade o cofinanciamento das seguintes adquisicións e servizos:
 Para Educación Infantil, libros de texto, material escolar e material necesario para o desenvolvemento do curso académico, en función das diferentes obrigas establecidas polo centro educativo, así como das técnicas de aprendizaxe utilizadas (mandilón, chándal, material informático, etc).
 Materiais didácticos para formación profesional básica, ciclos formativos e bacharelato.
 Asistencia a comedores escolares, durante o período do mes de setembro 2016 ao mes de xuño de 2017 para 2º ciclo de Educación Infantil, Primaria e ESO.
 Axuda de transporte para desprazamento a outros centros educativos da zona que oferten especialidade educativa diferente da existente en Riveira e para aqueles casos que valorados polos Servizos Sociais xustifique a súa necesidade de transporte dentro do municipio.
3.- DESTINATARIOS.
Poderán optar a estas subvencións as persoas que reúnan as seguintes condicións:
a) Cursar estudios no curso 2016/2017, nalgún dos seguintes centros:
-Escola Infantil Municipal de Riveira (só material escolar e para o desenvolvemento do curso académico)
-EEI Capela de Carreira
-EEI Dean Grande
-CEIP O Grupo
-CEIP Palmeira
-CEIP Heroínas de Sálvora de Aguiño
-CEIP Plurilingüe de Frións.
-CEIP de Artes
-CEIP de Olveira
-CEP Pluriligüe de Carreira
-CPR Galaxia
-Colexio Bayón
-Colexio A Milagrosa de Oleiros
-Colexio Sagrado Corazón de Castiñeiras
-CIFP Coroso
-IES Nº 1
-IES Leliadoura
-Outros centros educativos de fóra de Riveira, que oferten estudos non existentes nos centros do concello.
b) Que a renda per cápita (en adiante RPC) en cómputo anual non supere o importe do IPREM anual 6.390,13€.
c) Estar empadroado e residindo de forma efectiva no concello de Riveira con un mínimo 6 meses de antigüidade, agás supostos excepcionais debidamente valorados polo persoal dos Servizos sociais municipais.
d) As persoas estranxeiras residentes no concello de Riveira poderán beneficiarse destas axudas sempre e cando se atopen nunha situación administrativa regular e cumpran as condicións establecidas na Lei Orgánica 4/2000 sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España, así como o contemplado no Real Decreto 557/2011, ademais de reunir os requisitos contemplados nas presentes bases.
e) Ter presentada a solicitude e documentación no prazo e forma legal establecido.
Non poderán optar a estas subvencións as persoas e entidades ás que se refiren os artigos 13.2 e 13.3 da Lei 38/2003 de 17 de novembro, Xeral de Subvencións e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Os solicitantes non poderán ter pendente a xustificación de ningunha axuda anterior do Concello, a non ser que lles fora concedida unha prórroga.
Entendese por renda per cápita familiar (RPC FAMILIAR) os ingresos netos da unidade familiar dividida entre o número de membros da mesma.
Para o cálculo da RPC tomarase como base os datos económicos referidos ao exercizo 2015.
Aos efectos de cálculo da RPC computarán por dous o pai/nai en suposto de familia monoparental. Nos casos de violencia de xénero no ámbito familiar, quedarán excluídos do cómputo das rendas os ingresos do agresor e a efectos de cálculo de RPC considerarase familia monoparental.
A renda RPC obterase pola agregación das rendas de cada un dos membros computables que obteñan ingresos de calquera natureza.
Considérase unidade familiar a formada polo pai, nai, titor ou persoa encargada da garda e protección do menor, e os fillos solteiros do solicitante, menores de 26 anos que convivan no domicilio familiar ata a data da publicación da presente convocatoria. A separación transitoria motivada por razóns de estudio, traballo, tratamento médico ou outras causas similares, non rompe a convivencia a estes efectos. Cando algún membro da unidade familiar teña a condición de discapacitado con grao igual ou superior ao 65% ou estea valorado como dependente en calquera dos graos establecidos segundo a Lei 39/2006 de novembro de Promoción da autonomía persoal e atención a persoa en situación de dependencia, computarase como un membro da unidade familiar. No caso de divorcio ou separación legal dos pais, non se considerará membro computable aquel que non viva no domicilio, agás no suposto de custodia compartida que se incluirán ambos proxenitores dentro do cómputo da renda familiar.
Nos supostos de situacións de acollemento familiar, será de aplicación á familia de acollida os mesmos criterios.
Considéranse ingresos netos os ingresos totais da unidade familiar. Os ingresos netos mensuais son o resultante de dividir por 12 os ingresos netos anuais.
A efectos de valoración dos ingresos teranse en conta tódolos obtidos de calquera procedencia, salarios, pensións contributiva e non contributivas, prestacións, rendas por actividades profesionais, industriais, agrarias, deportivas, artísticas, etc… tanto de carácter fixo como eventual.
No caso de que se produzan variacións substanciais no ano 2016 con respecto ao ano 2015, terase en conta ditas situacións sobrevidas coa correspondente avaliación polos/as traballadores/as sociais municipais, que deberán estar reflectidas e argumentadas no correspondente informe social en base á situación actual acreditada e valorada, tomando como referencia nestes casos os ingresos mensuais obtidos ó dividir entre 6 os ingresos da unidade familiar correspondentes ao primeiro semestre do ano 2016.
4.- FORMALIZACIÓN DE SOLICITUDES E PRESENTACIÓN DE DOCUMENTACIÓN:
As solicitudes deberán achegar a seguinte documentación, de acordo cos modelos que figuran como anexo ás presentes bases:
Anexo I MODELO DE SOLICITUDE DE SUBVENCIÓN.
Anexo II DECLARACIÓN RESPONSABLE DO SOLICITANTE
Anexo III DECLARACIÓN RESPONSABLE DE INGRESOS DO SOLICITANTE
Estes anexos poderán obterse igualmente no Rexistro Xeral do Concello, nas dependencias do Área de Servizos Sociais, así coma na páxina web do Concello (www.riveira.es).
a) As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral de entrada do concello de Riveira ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4 da lei 30/1992 de 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo modelo Anexo I, acompañadas da documentación acreditativa de cumprimento de requisitos e circunstancias que permitan avaliar a situación sociofamiliar.
b) As solicitudes acompañaranse da seguinte documentación:
 Fotocopia do DNI, do número de identificación de estranxeiros (NIE) en vigor ou do pasaporte.
 Fotocopia do Libro de Familia completo ou documento oficial acreditativo dos membros da unidade familiar coa súa data de nacemento.
 Xustificante de matrícula ou de reserva de praza en calquera dos centros que constan nas bases.
 Fotocopia da certificación do grado de discapacidade e/ou dependencia dos membros da unidade familiar recoñecidos como tales.
 Declaración de estar ao corrente das obrigas fiscais.
 Declaración doutras axudas percibidas ou solicitadas coa mesma finalidade, de calquera organismo público ou privado.
 No caso de separación ou divorcio, copia compulsada da sentenza de separación e do convenio regulador así como xustificante das aportacións do ex-cónxuxe ou, no seu defecto, denuncia por incumprimento de sentenza.
 Xustificación da situación económica e laboral de tódolos membros da unidade familiar, no seu caso, mediante a seguinte documentación:
– Fotocopia compulsada da declaración da renda correspondente ao último exercicio, ou certificación de rendas (Expedida pola Axencia Estatal da Administración Tributaria). No caso de non ter presentada declaración da renda, a situación económica xustificarase con copias das nóminas do ano 2015 ou do período comprendido entre xaneiro e xullo do presente ano 2016.
– Xustificante de pensión de xubilación, viuvez, orfandade ou incapacidade se é o caso.
– Os perceptores da RISGA deberán aportar certificación da contía mensual percibida.
– No caso de percibir axudas públicas por calquera concepto, certificado ou xustificante ao respecto.
– No suposto de que exista imposibilidade de acreditar determinadas situacións económicas, deberase achegar declaración xurada ao respecto.
 Calquera outro documento requirido polo persoal dos servizos sociais para a valoración da solicitude.
 Certificado de número de conta bancaria, incluíndo IBAN, emitido pola entidade bancaria.
Cando se presenten copias de documentos, deberanse presentar compulsadas ou acompañadas do documento orixinal para o cotexo dos mesmos.
5.- CRITERIOS DE AVALIACIÓN E BAREMO
A baremación das solicitudes ten por obxecto establecer unha orde de prioridade na concesión das axudas a tenor da maior necesidade estimada mediante o outorgamento dunha puntuación a cada unha das solicitudes en razón directa ao grado de necesidade estimado, mediante a avaliación acumulada dos seguintes factores;
a) Situación económica
b) Núcleo de convivencia familiar
c) Número de nenos e nenas en idade escolar na unidade de convivencia
d) Valoración técnica da problemática social
Para a resolución de solicitudes é preceptivo a emisión dun informe, por parte do persoal municipal valorador, onde quede avaliada a situación e baremado cada un dos expedientes en base ás variables e criterios que a continuación se relacionan.
a) Avaliación da situación económica;
a.1-Base do cálculo;
A avaliación da situación económica efectuarase partindo da renda per cápita da unidade familiar segundo o establecido na cláusula TERCEIRA da presente convocatoria, e tomando como base de cálculo o IPREM anual.
a.2-Puntuación;
Renda per cápita familiar Puntuación
Menor ou igual ao 20 % do IPREM 10 puntos
Menor ou igual ao 40 % do IPREM 8 puntos
Menor ou igual ao 60 % do IPREM 6 puntos
Menor ou igual ao 80 % do IPREM 4 puntos
Menor ou igual ao 100% do IPREM 2 puntos
Maior ao 100% do IPREM 0 puntos
b) Avaliación do número de membros da unidade familiar
Constitúe a puntuación obtida segundo o número de membros que compoñan o núcleo de convivencia familiar.
Por cada membro da unidade familiar 1 punto
Por cada fillo/a escolarizado ou cursando estudios 2 puntos
Por cada persoa que non formando parte da familia nuclear estea a cargo da mesma 1 punto.
Pola condición de familia numerosa 3 puntos
Pola condición de familiar monoparental 3 puntos
c) Avaliación técnica da problemática social
A puntuación será a que resulte de considerar a posible concorrencia de determinadas circunstancia subxectivas na unidade familiar, que deben ser valoradas por canto poidan incidir no grao de necesidades. Representa unha valoración adicional feita polo persoal dos Servizos sociais e non pode exceder de 20 puntos.
Familia con algún membro dependente valorado en calquera dos graos establecidos na lexislación vixente, e/ou que teña unha discapacidade superior ao 65%. 3 puntos
Situación de acollemento familiar en ausencia dos proxenitores 6 puntos
Familias incluídas nos Programas desenvolvidos no ámbito da inclusión social e/ou Familia e Convivencia dos Servizos Sociais Comunitarios básicos. 10 puntos
Situación de desemprego de ámbolos dous proxenitores 8 puntos
No suposto de que o número de axudas solicitadas que reúnan os requisitos esixidos supere o importe destinado ás mesmas, darase prioridade a aquelas familias que obteñan unha maior puntuación segundo o baremo. No suposto de igualdade na puntuación final entre solicitantes, establecerase a listaxe de concesión por orden inverso ao da contía da renda per cápita da unidade familiar. De producirse unha igualdade entre dous ou máis expediente, terase en conta o número de rexistro de entrada da solicitude.
6.- ORZAMENTO DA CONVOCATORIA E CONTÍA DAS ACHEGAS A CONCEDER.
6.1.- Orzamento global da convocatoria.
O Concello de Riveira dispón das seguintes contías orzamentarias para destinar a esta convocatoria:
Exercicio Aplicación orzamentaria Consignación
2016 20.000 €
2017 15.000 €
Total 35.000 €
6.2.- Orzamento por liñas de subvención.
O orzamento global da convocatoria distribúese nas seguintes “liñas de subvención”:
Exercicio Destino Importe
2016 Axudas á adquisición de libros de texto, material escolar e/ou material didáctico. 7.000 €
2016 Axudas para transporte. 3.000 €
2016 Axudas de comedor escolar 10.000 €
2017 Axudas de comedor escolar 15.000 €
Total 35.000 €
6.3.- As axudas iranse concedendo ás familias con maior puntuación ata esgotar o crédito dispoñible. As familias que cumpran os requisitos sinalados nas bases, pero que por esgotarse os fondos non reciba axuda quedarán en lista de espera ordenadas de maior a menor puntuación.Se quedaran sen esgotar os fondos destinados para axuda á adquisición del material educativo ou de transporte poderá destinarse o remanente a unha ou outra segundo a que teña maior demanda que crédito inicial dispoñible.
6.4.- Importe das axudas.
As contías das axudas a conceder para comedor rexeranse polas seguintes porcentaxes:
Renda per cápita familiar Custo do servizo a cubrir pola achega municipal
Menor ou igual ao 20 % do IPREM 100 %
Menor ou igual ao 40 % do IPREM 80%
Menor ou igual ao 60 % do IPREM 60%
Menor ou igual ao 80 % do IPREM 40%
Menor ou igual ao 100 % do IPREM 20%
Maior ao 100% do IPREM 0 %
As contías das axudas a conceder para libros de texto e material escolar e didáctico, e transporte escolar rexeranse polas seguintes porcentaxes:
Renda per cápita familiar Custo do servizo a cubrir pola achega municipal
Menor ou igual ao 50 % do IPREM 100%
Menor ou igual ao 100 % do IPREM 50%
Maior ao 100% do IPREM 0%
A. Comedor escolar: Porcentaxe que corresponda respecto ao custo mensual de cada servizo, ata un máximo de 115,00 €/mes por alumno/a (dende setembro 2016, ata xuño 2017)
No caso de alumnos/as da Escola Infantil Municipal poden darse axudas puntuais segundo previa valoración do equipo de Servizos Socias.
B. Libros de texto e material didáctico para Educación Infantil, Bacharelato, Ciclos Formativos e Transporte, para os seguintes niveis de ensino:
CURSO IMPORTE MÁXIMO POR ALUMNO/A
COMEDOR ESCOLAR…………………………………………………………………………………………………………………………………………………………… 115,00 €/alumno/a por mes
MATERIAL EDUCATIVO:
Para primeiro ciclo de Educación Infantil…………………………………………………………………………………………………………………………………. 50,00€/alumno/a por ano
Para segundo ciclo de Educación Infantil,Formación Profesional Básica,Ciclo Medio, Ciclo Superior e Bacharelato…………………………….. 100,00 €/alumno/a por ano
Transporte para BACHARELATO, CICLOS FORMATIVOS (noutros centros fóra da localidade)……………………………………………………………….. 200,00 €/alumno/a
C. Transporte escolar dentro do termo municipal para aqueles outros casos que non estean subvencionados por outra vía ata un máximo de 150,00 €/alumno/a.
7.- PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES E PUBLICIDADE.
7.1.- A convocatoria anunciarase no Boletín Oficial da Provincia de A Coruña, así como no Taboleiro de Anuncios da Casa do concello e na páxina web do concello de Riveira www.riveira.es.
As solicitudes deberán presentaranse no rexistro xeral do Concello de Riveira, ou en calquera outros rexistros públicos aos que se refire o artigo 38.4 da Lei 30/92, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común.
Darase publicidade tamén nos distintos centros educativos, enviando a copia da publicación no BOP a través dos correos electrónicos dos mesmos.
De acordo co disposto no artigo 18.3 d) da Lei 38/03, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións, non se procederá á publicación das achegas concedidas ao abeiro desta convocatoria.
7.2.- Prazo de presentación.
O prazo para presentar as solicitudes é de quince días, contados desde o día seguinte á publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.
Non obstante o anterior, ao longo do exercicio orzamentario poderán presentarse solicitudes que, por circunstancias novas ou por causas imprevisíbeis e excepcionais, non puidesen terse achegado no prazo sinalado no apartado anterior. Esta circunstancia deberá motivarse adecuadamente. O importe total das concesións por cada aplicación orzamentaria non poderá superar nestes casos o 10% do importe total da súa consignación. Estas peticións tramitaranse de acordo coas presentes bases, agás no cumprimento do prazo de presentación da solicitude.
7.3- Instrución do procedemento:
A instrución do procedemento corresponderá á Concellaría de Servizos sociais, Promoción Social e Igualdade. No seo da mesma constituirase unha comisión avaliadora, composta polos seguintes membros:
Presidente: A Concelleira titular da área, ou persoa en quen delegue.
Vocais: Dous traballadores/as da Área de Servizos Sociais, designados pola Concelleira Delegada.
Na comisión actuará como secretario/a, sen voto, un funcionario/a do Concello.
A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, mediante comparación das solicitudes presentadas a fin de establecer unha prelación entre as mesmas, de acordo cos criterios de valoración sinalados nestas bases.
7.4.- Resolución das solicitudes e réxime de recursos.
O órgano competente para resolver o procedemento será a Xunta de Goberno Local, por delegación da alcaldía efectuada en virtude do decreto de 1 de xullo de 2015. A resolución da concesión ditarase no prazo máximo de tres meses dende o remate do prazo de presentación de solicitudes.
A Xunta de Goberno Local aprobará a resolución das axudas en base ao informe emitido polo persoal da comisión avaliadora e a proposta da Concelleira de Servizos Sociais, e publicarase unha lista cos solicitantes e a resolución no Taboleiro de anuncios do concello e no Taboleiro dos locais dos Servizos sociais municipais.
Contra a resolución adoptada na execución da presente convocatoria poderase interpoñer recurso de reposición perante o órgano que a ditou, no prazo dun mes dende a data de publicación da resolución. Entenderase desestimado o recurso se transcorrido un mes dende a súa presentación non se obtivese resposta, podendo nese caso interpoñerse recurso contencioso administrativo no prazo de dous meses, tal e como prevé o artigo 8 da Lei 29/1998 de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso administrativa.
8.- XUSTIFICACIÓN E PAGAMENTO DAS AXUDAS.
8.1- As axudas para material educativo para os niveis de educación infantil, formación profesional básica, ciclos formativos de grado medio e superior, e bacharelato realizaranse de modo xeral mediante abono directo aos beneficiarios, tendo en conta que a constatación de carencia de material escolar daqueles polo persoal de Servizos Sociais Comunitarios, será causa, previo informe, de exclusión da participación nas axudas para adquisición de libros de texto e material escolar no curso 2017/2018.
8.2- En casos excepcionais, cando así o valore o persoal de Servizos Sociais o procedemento a seguir será: concederase un bono polo importe que corresponda por cada unha das axudas concedidas, que deberán presentar en calquera das librerías ou establecementos do concello de Riveira. Unha vez transcorrido o prazo que figura no bono expedido, a librería/establecemento emitirá unha factura que comprenda tódolos bonos entregados, na que debe especificarse o material incluído en cada un deles. A dita factura será remitida ao Concello de Riveira e deberá cumprir os requisitos establecidos no R.D. 1496/2003.
8.3 – As axudas de comedor serán abonadas directamente ao provedor do servizo previa presentación da factura electrónica correspondente ao Concello de Riveira. Dita factura emitirase cunha periodicidade mensual nos 5 primeiros días do mes seguinte ao da prestación do servizo e comprenderá o importe total do conxunto dos usuarios do comedor aos que se lle concedeu a axuda.1
8.4- As axudas para desprazamento a outros centros da zona que oferten a especialidade educativa diferente da existente en Riveira e para aqueles dentro da localidade non subvencionados por outra vía realizarase mediante abono directo ao beneficiario. A constatación polo Departamento de Servizos Sociais Comunitarios do uso da axuda noutros fins aos indicados na concesión, será causa, previo informe, de exclusión da participación nestas axudas no curso 2017/2018.
8.5 – Tendo en conta que estas axudas son de interese social, pola situación de dificultade económica das familias ás que están dirixidas, terán a consideración de carácter especial, polo que o importe da axuda poderá supoñer a totalidade do gasto.
8.6 -As achegas concedidas ao abeiro desta convocatoria non son compatibles con outras que puideran obter os beneficiarios doutras administracións públicas ou persoas de carácter privado.
De acordo co previsto no artigo 30.7 da Lei 38/03, Xeral de Subvencións, e á vista do carácter desta convocatoria, non será preciso que os beneficiarios das axudas aporten documentación xustificativa algunha para acreditar a realización do gasto, sen prexuízo das comprobacións que poida efectuar o Concello para verificar o mantemento das condicións que motivaran a concesión da axuda
9.- REINTEGRO E RÉXIME SANCIONADOR.
A falsidade ou ocultación dos datos ou documentos achegados polos solicitantes suporá a devolución da axuda no caso de tela percibida e implicará o impedimento dunha nova solicitude por un período de dous anos.
As subvencións serán reintegradas nos supostos previstos no artigo 37 da Lei 38/03, Xeral de Subvencións.
Os beneficiarios de subvencións quedarán sometidos ás responsabilidades e réxime sancionador disposto na normativa estatal e autonómica reguladora das subvencións públicas, e, se é o caso, ao disposto no Código Penal (Lei Orgánica 10/85).
Disposición adicional primeira
Para o non previsto nesta convocatoria serán de aplicación:
a) As normas incluídas nas Bases de execución do presuposto xeral do Concello de Riveira para o exercicio de 2016, na Lei 38/2003, xeral de subvencións e no seu Regulamento, e na Lei 9/2007 de subvencións de Galicia.
b) A Ordenanza Reguladora das Medidas de apoio á inserción socio familiar para persoas que participen no programa de intervención familiar.
Disposición adicional segunda
Os beneficiarios de subvencións concedidas polo Concello quedarán obrigados a someterse a todas as actuacións que este poida acordar para comprobar que os fins aos que se destina a subvención se corresponden cos fins para os que se solicitara e concedera a mesma, e para comprobar se compren todas as condicións esixidas para a concesión da subvención ou axuda.
No caso de concesión de subvención a través doutra das administracións competentes para o mesmo concepto, o beneficiario queda obrigado á devolución da axuda concedida polo concello como adianto de gastos.
Disposición adicional terceira
1.- En relación ao indicado na base 6.2 respecto das consignacións para o ano 2017, estarase ao establecido na base 28 das de execución do orzamento do Concello de Riveira para o exercizo 2016.
2.- Consonte co anterior, no orzamento 2017 deberá dotarse crédito orzamentario para atender as obrigas derivadas da presente convocatoria.
3.- En ningún caso a presente convocatoria xerará dereito algún a favor dos solicitantes en tanto non se dean as condicións orzamentarias, de procedemento e xurídicas de aplicación.
Disposición transitoria primeira
As axudas correspondentes ós períodos subvencionables anteriores á resolución da convocatoria serán reintegradas ós beneficiarios, previa presentación do recibo de abono do servizo de comedor, a través do modelo que ao efecto se lles facilitará no departamento de Servizos Sociais.